• O pleno municipal deu luz verde a ordenanza que regula o seu uso
  • Para acceder á reserva será obrigatorio estar empadroado no concello

As Pontes, 26 de febreiro de 2019. O Concello de As Pontes celebrará o sábado, 2 de marzo, a partir das 12:00 horas unha xornada de portas abertas no local de usos múltiples – antigo local do polbo- na área recreativa Xosé Ferro.

Durante esta xornada pública e aberta, á que está invitada todo o tecido asociativo da vila e a veciñanza, o Concello de As Pontes levará a cabo un pequeno acto institucional co que nomeará, de xeito oficial, a esta nova área recreativa e no que estará presente o alcalde, Valentín González Formoso, membros da corporación municipal e José Marcial Doctor López de Pablos, presidente do Grupo Plásticos Ferro, antigo propietario do Muíño de Prieto.

Esta información fíxose pública durante a sesión plenaria extraordinaria urxente celebrada hoxe, na que o goberno local, co respaldo do PSOE e o PP, a abstención de Xuntos por As Pontes e os votos en contra do BNG, daba luz verde á ordenanza municipal reguladora da utilización puntual do local de usos múltiples e do Muíño de Prieto tras desestimar as alegacións presentadas no período de consulta pública.

Esta ordenanza, que entrará en vigor nos próximos días, tras a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, e que suporá a súa reapertura para o uso da veciñanza, establece a cesión do local para a posta en marcha de actividades socio-culturais, encontros entre veciños, asociacións, colectivos e demais entidades integrantes da vida municipal, para festas e celebracións particulares ou veciñais así como para actividades promovidas por outras entidades que beneficien á veciñanza. O documento outorga prioridade ó tecido asociativo local, que poderá realizar ata tres reservas ó ano por solicitante, establece un número máximo de reservas por usuario ó día, sendo obrigatorio estar empadroado no Concello de As Pontes. Tamén define a asignación dun dos espazos ou da súa integridade, en función do número de usuarios, para deste xeito racionalizar o uso do local recentemente rehabilitado, velando polo mantemento e conservación dos espazos públicos de titularidade municipal.

O texto definitivo non contempla a reserva, en exclusividade, do uso da instalación para a venda de polbo para que deste xeito o uso privado empresarial non inflúa no uso público do local.

Outros temas

Durante o pleno, o Concello de As Pontes aprobou tres recoñecementos extraxudiciais de crédito, por un valor próximo aos 275.000 euros, para facer fronte ao pago de facturas que foron presentadas por diversos provedores fóra do último exercicio contable.

O pleno municipal tamén aprobou o recoñecemento da dedicación exclusiva do representante do Grupo Mixto, Javier Acosta.