As Pontes celebra o Día das Letras Galegas

136

As Pontes, 14 de maio de 2018. O Concello de As Pontes, a través da Concellería de Cultura, con motivo do Día das Letras Galegas, renderá homenaxe á escritora María Victoria Moreno con diversas actividades culturais.

As celebracións comezarán o mércores, 16 de maio, coa representación de Leonardo e os fontaneiros. Máis de 150 alumnos, de todos os centros educativos da localidade, poderán presenciar a adaptación teatral da obra homónima de María Victoria Moreno, na que se recrea a vida de Antón e Begoña, dous compañeiros de colexio que recordan, sendo adultos, as súas aventuras da infancia.

As actividades continúan a fin de semana coa proxección, en versión orixinal, de Dhogs, opera prima do director Andrés Goteira. Trátase dunha produción galega, gañadora de 13 galardóns nos premios Mestre Mateo, encadrada dentro do xénero fantástico, que trata de remover a mente do espectador e invitalo a reflexionar sobre a violencia, a perversión e a pasividade da sociedade.

As proxeccións, dirixidas a maiores de 18 anos, terán lugar o sábado ás 19:00 e 22:00 horas e o domingo ás 19:00 horas. Durante esta última sesión, o director do filme e o seu produtor, Suso López, veciño de As Pontes, farán unha pequena presentación da película. Ó rematar a proxección, haberá unha pequena charla coloquio na que os asistentes poderán intercambiar opinións e facerlles preguntas ós responsables do filme.

Asemade, o xoves 24 de maio, ás 18:00 horas, a Biblioteca Municipal Enrique Rivera Rouco acollerá o contacontos Unha pequena historia de amor, unha actividade dirixida a nenos maiores de 3 anos, a través da que os máis pequenos da vila poderán coñecer a vida da escritora María Victoria Moreno.

Con todas estas actividades, o Concello de As Pontes quere “recordar o papel da escritora pontevedresa no mundo da literatura infantil e poñer en valor o idioma galego como vehículo de transmisión da cultura, contribuíndo a súa normalización en todos os eidos” remarca Sonia Sueiro, responsable da área de Cultura.