As Pontes celebra esta fin de semana a 39 edición da Feira do Grelo

353

As Pontes, 27 de febreiro de 2019. O Concello de As Pontes prepárase para celebrar esta fin de semana a súa tradicional Feira do Grelo, que este ano, chega á edición número 39, coa que quere exaltar un dos produtos típicos da gastronomía local e render homenaxe á agricultura máis tradicional.

O programa de actividades deseñado polo departamento de cultura do concello pontés inclúe un amplo abano de propostas nas que se conxugan as máis tradicionais como o popular concurso de cestas de grelos con outras iniciativas máis innovadoras como unha exhibición de talla de madeira con motoserra; mantendo a esencia da Feira do Grelo, apostando, un ano máis, pola promoción da música tradicional, os produtos agrícolas e gandeiros e a artesanía.

As actividades que se desenvolverán durante os días 2 e 3 de marzo arrincarán o sábado, ás 11:00 da mañá, coa apertura da feira “Son de Campo” promovida pola Federación de mulleres rurais FADEMUR, instalada na Praza de América, e na que os visitantes poderán adquirir, durante toda a fin de semana, produtos autóctonos de alimentación, agasallos, cosmética, pezas de xoiería.

Tamén na Praza de América os asistentes á 39 edición da Feira do Grelo poderán visitar a III Mostra da Camelia, unha exposición de distintas variedades de camelias organizada polos membros da Asociación AICAM chegados desde todos os puntos de Galicia.

Mentres, a carpa instalada na rúa Alexandre Bóveda acollerá a III Mostra da Federación de Razas Autóctonas de Galicia, promovida por BOAGA e o Club da raza Can de Palleiro, na que a veciñanza e visitantes poderán coñecer máis de preto algunhas especies propias da comunidade autónoma galega como a cabra e a ovella, o porco celta, a galiña de Mos ou o can de palleiro.

Ademais os amantes da artesanía realizada en madeira poderán gozar da IX Exposición CONtornos que estará instalada, durante a fin de semana e ata o 10 de marzo, no primeiro andar do Mercado Municipal e poderán contemplar unha exhibición de torneado de talla de madeira a cargo da Asociación Amigos da Madeira das Pontes, na carpa instalada na rúa Alexandre Bóveda.

O sábado, desde as 11:00 ata as 14:00 horas e desde as 16:00 ás 19:00 horas, o escultor Marcos Mariño realizará unha exhibición de talla de madeira con motoserra, na rúa Alexandre Bóveda, coa que tratará de render tributo ao grelo e aos seus produtores.

Durante toda a xornada do sábado, Alfaia, Canavella e Os Ferroces da Galgueira serán os grupos responsables de animar as rúas do municipio coa súa música. Así mesmo, a partir das 18:00 horas, os asistentes á Feira do Grelo poderán gozar con dous concertos programados na Praza de América. A Banda da Loba serán as primeiras en actuar e darán paso, a partir das 20:00 a Andrés Penabad e Banda que interpretarán temas dos discos Crossing e Bipolar.

O domingo, o día grande da Feira do Grelo, as actividades arrincarán co tradicional concurso de cestas no Mercado Municipal. Os produtores poderán presentar as suas cestas de grelos ata as 10:00 da mañá e a partir das 11:00 horas un xurado encargarase de valorar a calidade das mesmas.

Os participantes optarán a tres premios de 300, 250, 200 euros e a tres accésits de 60 euros cada un deles. Tamén haberá galardóns para as tres cestas mellor adornadas que levarán 300, 200, 100 euros, respectivamente, e o premio especial Alexandre Pérez Sindín, doado pola Asociación Amigos dá Madeira das Pontes, que, do mesmo xeito que os anteriores, entregarase ás 11: 30 horas na Praza de América.

A partir das 12:30 horas, no patio de Santa María celebrarase a degustación popular, que incluirá un menú composto por sopa, cocido con grelos, costela, lacón, chourizo, garavanzos e patacas, ademais de requeixo da Faeira e mel de Goente de sobremesa. O prezo será de dez euros por persoa e o menú estará dispoñible para levar. Aqueles que queiran degustar freixós, deberán trasladarse á Avenida da Coruña, onde estará instalada a freixoeira.

Durante a xornada dominical a música terá de novo un papel protagonista cos pasarúas de No Combaro e Os Trevillas e os concertos da Corral Poliafónica do Aturuxo de Melpómene, ás 12:00 horas, e de Birimbao Folk, ás 13:30 horas, na Praza de América.

O broche de ouro á 39 edición da Feira do Grelo virá da man de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre que deleitarán ao público pontés, a partir das 18:30 horas, no Auditorio Municipal Cine Alovi, cun concerto no que farán un percorrido polo seu último disco “ The Tambourine Man”

Desde o Concello de As Pontes animan a toda a veciñanza e visitantes a gozar desta nova edición da Feira do Grelo desexando que o programa deseñado, tratando de atender ós gustos de todo os públicos, sexa do seu agrado e se animen a degustar o menú da feira, xa que se trata dunha boa oportunidade para probar os grelos de As Pontes elaborados do xeito máis tradicional.