As Pontes, capital do rugby galego

166

As Pontes, 7 de setembro de 2018. O Concello de As Pontes vaise converter, durante este fin de semana, na capital do rugby galego con motivo da concentración de tecnificación de xogadores da categoría sub 14, organizada pola Federación Galega de Rugby.

Esta mañá, a tenente de alcalde, Montserrat García, e o concelleiro de deportes e xuventude, Jesús Tembrás, deron, no salón de plenos municipal, a benvida ó preto de medio centenar xogadores, chegados desde as catro provincias galegas, adestradores e equipo técnico que participan nesta concentración.

Durante este acto, que contou coa presenza do presidente da Federación Galega de Rugby, Juan Ignacio Cociña, e o presidente do Club de Rugby Fendetestas, Antonio Ferreiro, Tembrás deu a benvida ós participantes neste encontro e animounos a gozar do seu deporte, de As Pontes e dos seus lugares.

Pola súa banda, García Chavarría invitou ás rapazas e rapaces a aprender, mellorar e traballar mentres practican o seu deporte favorito. A tenente de alcalde tamén agradeceu á Federación Galega de Rugby ter escollido As Pontes como sede deste encontro e destacou o traballo, esforzo e implicación do club local a prol do deporte de base a través deste tipo de iniciativas.

O obxectivo desta concentración, que se prolongará ata o domingo, é axudar ós rapaces e rapazas a mellorar as súas habilidades deportivas, afondar nos fundamentos técnicos e tácticos do rugby e fomentar valores de compañeirismo, traballo en equipo, convivencia e disciplina, entre outros.

Xunto cos adestramentos, durante a súa estadía en As Pontes, o grupo realizará unha visita ó circuíto de karts e outra ó lago, onde aproveitarán o espazo da praia para realizar un adestramento, e navegar grazas a colaboración do Club Fluvial de Vela de As Pontes

 

Cursos da Federación Galega de Rugby

Ademais da concentración dos xogadores e xogadoras da categoría sub 14, o sábado, 8 de setembro, vaise celebrar un curso dirixido a monitores de escolas de rugby no que se afondará na técnica e na táctica desta disciplina deportiva e na súa ensinaza, e no que participarán 24 monitores.

E o domingo, durante todo o día, vaise desenvolver un curso de delgados de campo, con 52 asistentes, nos que se abordarán polo miúdo as funcións, obrigacións e competencias dunha figura esencial nos campos de rugby.