As Pontes apoia a 18 emprendedores con 50.000 euros

604

As Pontes, 16 de maio de 2018.   O concello de As Pontes  fixo entrega, esta mañá, das axudas municipais do programa As Pontes Emprende para a creación de empresas.

O alcalde, Valentín González Formoso; Ana Pena, responsable da área de Emprego e Juan Carlos Romero, responsable de Industria  foron os encargados de entregar estas achegas, cun orzamento próximo ós 50.000 euros, ós 18 emprendedores que, durante o ano 2017, puxeron en marcha as súas propias empresas no municipio.

Entre os proxectos que se beneficiaron desta liña de axudas municipais atópanse comercios, empresas hostaleiras, axencias de viaxe e seguros, centros de formación, empresas de relacións públicas, de creación artística e un centro hípico, entre outros.

Estas novas empresas súmanse ós 30 negocios que, durante os dous últimos anos, viron a luz no municipio e ós que o goberno local impulsou con preto de 80.000 euros permitindo, ó mesmo tempo, a creación de 57 postos de traballo.

Durante este acto, González Formoso fixo fincapé no compromiso do Concello de As Pontes para continuar coma mesma liña de traballo, “desde o goberno local adoptaremos, dentro das nosas competencias, todas as medidas oportunas para fomentar a capacidade creativa e emprendedora dos nosos veciños. Son unha fonte de riqueza e un elemento esencial para o crecemento, a competitividade e a modernización do tecido empresarial de As Pontes polo que seguiremos apostando polos emprendedores e as pequenas empresas que contribúen ó sostemento da economía local e que xeran centos de postos de traballo.”

O programa As Pontes Emprende, posto en marcha dende o Concello no ano 2015, consta de dúas liñas de axuda;  Impúlsate e Instálate.  A primeira está dotada cun importe máximo de 2.000 euros e ten por obxecto contribuír a sufragar os gastos de material e inversión para o axeitamento do local e posta en marcha do negocio. A segunda liña, tamén cunha dotación máxima de 2.000 por beneficiario está encamiñada a facer fronte os gastos de alugueiro do local.

O edil de Industria tamén quixo remarcar que desde o Concello xa se traballa nun novo paquete de achegas para incentivar a creación de novos proxectos empresariais e acompañar ós veciños no reto do emprendedurismo xa que xogan un papel fundamental na dinamización de As Pontes, actuado como un vertebrador económico da  vila.

Entrega das axudas municipais do programa As Pontes Emprende