Os proxectos están financiados pola Deputación da Coruña

 O seu orzamento supera os 250.000 euros

As Pontes, 8 de novembro de 2019. A xunta de goberno local do Concello das Pontes adxudicou esta semana as obras de mellora e modernización dos servizos básicos municipais na Avenida da Habana, no tramo comprendido entre a Praza do Hospital e a Rúa Monfero e na rúa Casilla.

Os proxectos, financiados a través do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña do ano 2019, cun orzamento conxunto de 257.309  euros, contribuirán a humanizar ambas zonas,  a súa mellora estrutural e estética para crear un maior estado de benestar á veciñanza. 

Os traballos da  Avenida da Habana,  adxudicados a Canosa Construcciones S.L permitirán a execución dunha nova rede de recollida de augas pluviais separativa, nas dúas marxes da rúa. 

Esta rede, que irá dotada dos correspondentes sumidoiros, con arquetas de recollida de acometidas das vivendas, ten como obxectivo prioritario o control do aporte de augas limpas ó sistema de depuración municipal nas épocas de máis choivas evitando posibles inundacións.

A actuación tamén contempla a substitución das actuais luminarias por novos puntos con tecnoloxía LED, encamiñados a mellorar a eficiencia enerxética no municipio. A nova iluminación pública instalaranse sobre báculos dobres, cun punto de luz sobre a estrada e outro de paso para a beirarrúa.

A través destas obras así como de todas as levadas a cabo durante os últimos anos, o Concello de As Pontes quere dar un salto cualitativo no sistema de iluminación do municipio para lograr ter unha maior calidade lumínica, tanto no centro urbano como nos viarios rurais, e un maior aforro enerxético para avanzar cara unha vila máis sostible.

Así mesmo procederase á renovación das beirarrúas, seguindo o mesmo deseño da zona, homoxeneizando a estética de todas as rúas do centro urbano, apostando pola eliminación das barreiras arquitectónicas nun proxecto de pobo máis funcional, no que toda a veciñanza poida moverse sen dificultades.

Rúa Casilla

No caso da Rúa Casilla, o proxecto, adxudicado a Gonnaba Construcciones y Reformas, SL,  permitirá mellorar a pavimentación e a accesibilidade na marxe dereita do viario, entre as rúa Eduardo Pondal e o acceso á Praza da Lembranza.

A través desta actuación, o Concello de As Pontes dará resposta a unha vella demanda da veciñanza para impulsar a contorna, eliminar as barreiras arquitectónicas e mellorar a mobilidade na zona.

As obras, xunto coa substitución da pavimentación actual por formigón impreso, contempla a renovación dos servizos públicos municipais polo que se procedrá á retirada das luminarias actuais, situadas nas fachadas dos edificios, e o cabreado existente, que serán substituídas por novos báculos e puntos de luz, con tecnoloxía LED, situados na beirarrúa.

Tamén se procederá á renovación das instalacións de saneamento, coa construción dunha rede separativa de augas pluviais e fecais que incluirá a creación de arquetas para a recollida das acometidas individuais das edificacións así como as acometidas dos sumidoiros e de recollida das augas procedentes dos domicilios.