As Pontes, 15 de abril de 2019. A Xunta de Goberno Local do Concello de As Pontes adxudicou, a semana pasada, á empresa Construcciones Canosa S.L a dotación de servizos públicos para a praia do lago.

O proxecto, cun orzamento de 100.401,14 euros, con cargo ao POS 2017 da Deputación da Coruña permitirá, xunto coa instalación de catro módulos prefabricados, dous dedicados a baños e duchas e dous a kiosko-bar, avanzar no acondicionamento integral do lago.

Deste xeito o Concello de As Pontes ofrecerá, tanto á veciñanza como aos visitantes, maiores servizos, acordes coas súas necesidades, para que así poidan gozar dunha área recreativa única, privilexiada para o lecer e a práctica deportiva, con todas as garantías.

As actuacións que están previstas levar a cabo suporán a creación dunha rede de electricidade, de saneamento así como de abastecemento de auga para dar servizo aos módulos prefabricados, xa adxudicados polo goberno local, e ao conxunto da praia do lago de As Pontes.

No caso da rede eléctrica, na glorieta de acceso ao lago execútanse dous armarios para aloxar os cadros de mando de dúas novas liñas, nas que se poderán conectar ata 3.000W en cada unha delas.

Ademais efectuarase a conexión da actual arqueta, situada fronte ao punto de información turística, coa zona de praia a través dunha nova canalización, con arquetas cada 40 metros.

Por outra banda, procederase á execución das obras necesarias para dotar á praia do lago dun servizo de saneamento que permitirá a recollida de augas fecais, a través da instalación dunha estación de bombeo e a execución dunha canalización ao longo de toda a praia.

Polo que respecta á rede de abastecemento, acometerase unha nova instalación, a partir do punto de información turística, para continuar coa canalización existente e, deste xeito poder levar o servizo de auga potable ata a zona de praia.

Estes traballo tamén contemplan a instalación de bocas de rego, de unións de tramos, de válvulas de comporta para illar tramos da rede e das acometidas precisas.