As obras da Avenida de Lugo entran na súa fase final

109

As Pontes, 13 de novembro de 2018. As obras de mellora da accesibilidade da Avenida de Lugo, encamiñadas a eliminar o desnivel existente nas beirarrúas, promover un mellor acceso ás vivendas e potenciar a mobilidade na zona, iniciaron, esta semana, a súa recta final tras un pequeno paro nos traballos por mor das malas condicións climatolóxicas.

As obras atópanse na fase de repavimentación da beirarrúa, actuación que permite dar continuidade ós traballos de demolición das antigas lastras e bordos, de retirada dos vellos farois e árbores existentes na Avenida de Lugo e de creación de novos bordos para gañar espazo á estrada e mellorar a accesibilidade e mobilidade no viario.

Entre as labores xa executadas tamén se inclúen a renovación do sistema de saneamento coa substitución do colector da rede de saneamento e dos pozos de rexistro así como a substitución da rede de iluminación coa instalación de arquetas e tubos de canalizacións ó longo de toda a rúa e a colocación de bases para os novos farois e xardineiras.

Unha vez rematadas as obras de colocación das novas lastras so restarían por executar os traballos de instalación das luminarias e cableado así como proceder á colocación de novas árbores que se irán instalando segundo vaian rematando os traballos de repavimentación. A continuación pintaranse as xardineiras e instalaranse varandas de protección nas zonas con desniveis nas que existan riscos de caída, dando así por concluídos os traballos.

A intervención, cun orzamento de 91.904,13€ e levada a cabo pola U.T.E integrada por Barnacle Obras y Servicios S.L e BCNOR Gestión y Soluciones Avanzadas, responde ás peticións que os veciños da contorna lle trasladaron ó equipo de redacción, en diversas reunións.

Desde o Concello de As Pontes apuntan que “se trata dunha actuación que se adapta ás necesidades dos veciños e coa que o goberno local busca resolver os problemas dunha das principais vías de acceso á vila, tratando de beneficiar ó conxunto da veciñanza, polo que, co obxectivo de rematar coa remodelación completa da rúa, tanto estrutural como superficial, e así promover e garantir a seguridade e mobilidade en todo o municipio, temos previsto levar a cabo, proximamente, o acondicionamento da outra marxe da Avenida de Lugo”.