As Pontes, 27 de xuño de 2019. Os máis de 250 alumnos que conforman as escolas municipais de baile moderno, flamenco e danza clásica celebran, esta fin de semana, a súa gala de fin de curso con dúas montaxe dedicadas a Queen.

Temas como Radio Gaga, Bohemian Rapsody ou We Will Rock You formarán parte da banda sonora das montaxes creadas por Jaime Pablo Díaz, director da escola e as mestras Inés Vieites e Alba Vázquez coas que toda a veciñanza poderá gozar co traballo levado a cabo, durante nove meses, polo alumnado desta escola municipal e nas que, un ano máis, contarán coa colaboración do grupo local de teatro, O Catre.

O venres, ás 20.30 horas, terá lugar a primeira das funcións que estará protagonizada polas escolas infantís de baile clásico e moderno, xunto cos bailaríns do novo grupo de adultos que asisten ás clases nas mañás dos sábados. O sábado será a quenda para os grupos xuvenís, adultos e flamenco con sesións ás 18:00 e ás 20.30 do serán.

A entrada é gratuíta e as invitacións (dúas por persoa) poden retirarse na taquilla do Auditorio Municipal Cine Alovi, o venres, 28 de xuño, de 12:00 a 14:00 horas.