As Pontes, 9 de outubro de 2019.  As Pontes celebrará, a partir de maña, a undécima  edición do concurso de tapas Saborea As Pontes, organizado polo Concello, a través da a través da Concellería de Turismo, Hostalaría, Comercio e Consumo.

Esta cita gastronómica,  na que participan 29 establecementos hostaleiros de As Pontes, ten como obxectivo, en palabras de Elena López concelleira responsable da área de Hostalaría, “dinamizar e impulsar un sector de gran importancia na economía da vila, no que se asenta o emprendedurismo local e xerador de centos de postos de traballo. Ademais este concurso gastronómico ofrece a posibilidade de coñecer o bo  facer dos nosos hostaleiros e  creacións culinarias nas que non faltan produtos do noso sector primario, de alto valor engadido, que fan que Saborea As Pontes sexa un referente dentro deste tipo de certames”

Os establecementos que participan nesta cita, cinco de eles por primeira vez, son: Café Bar Carboeiro, Café Bar O Encanto,  Segunda Cueva,  Mesón de Pepe, Restaurante Ponte Romana, Bar Centro, Cafetería- Cervecería Venus, DelaPiccola, Bar As Campeiras, Excalibur, Café Bar A Cepa, Mesón 7 Camiños, Bar Calvo, A Fervenza de Somede,  A Taberna de Pancho, Cervecería A Capilla, Café Bar Chaplín, Bar Rodas, Hotel Pontes do Eume, A Botellería, Centro Sociao, Mesón Martínez, Café Bar Las Torres, Bar Vales,  A Caseta do Parque, Café Bar Trastoy, Café Bar Cotío, Mesón A Lareira e Hostal Fornos.

Ente as propostas, veciños e visitantes poderán atopar petiscos elaborados con peixe, mariscos, carne de porco e tenreira, produtos de tempada, elaboracións innovadoras, pequenas mostras da gastronomía internacional e tapas onde os produtos gastronómicos típicos da localidade son os principais protagonistas.

Este ano o certame cambia o seu horario de celebración e as tapas poderán desgustarse de xoves a domingo, desde o 10 ao 20 de outubro. As tapas serviranse os xoves, de 19.30 a 23.00 horas e os venres, sábados e domingos ampliarase o horario para ofrecer tamén as degustacións en horario matutino, de 12.00 a 15.00 horas e durante as tardes de 19.30 a 23.00 hora. O prezo das tapas será de 1,50 euros.

PREMIOS

Saborea As Pontes repartirá dous premios entre todas as tapas do concurso. Unha Comisión de Valoración Oficial, integrada por Antonio Díaz Calvo, cociñeiro do restaurante Andarubel, situado no Parque natural das Fragas do Eume, e un colaborador de confianza e de recoñecido prestixio, será a encargada de elixir a mellora tapa pontesa mentres que o xurado popular, a través do seu voto, escollerá a tapa pontesa máis valorada polo público.

Ademais, repartiranse 9 premios, de 200 euros cada uno, entre todas aquelas persoas que cubran os boletos do concurso de tapas con oito selos de diferentes locais. Seis premios serán para gastar nos locais de hostalaría que participen no concurso e os tres restantes poderán trocarse en calquera establecemento do comercio e hostalaría local. O 24 de outubro coñecerase o nome de todos os gañadores.

A concelleira invita á veciñanza e visitantes a participar neste certame, a degustar as tapas, a saír á rúa e a gozar desta nova edición e tratar de superar a cifra das 29.450 tapas servidas durante a edición do ano 2018 para, deste xeito, seguir contribuíndo  de forma activa e en primeira persoa á boa marcha dun dos sectores económicos esenciais na nosa vila.