O lago de  As Pontes xa é apto para o baño. Así o confirmou a Xunta de Galicia unha vez feitos públicos os resultados da analítica da auga despois de que o pasado día 9 tivese que clausurarse o baño por contaminación microbiológica. A primeira tenente de alcalde, Montserrat García, explicou esta mañá que o anuncio da Xunta coincide cos resultados das análiticas encargadas polo Concello o mesmo día no que se prohibiu o baño, o pasado día 9 deste mes. Ese día, o goberno local xa encargou a dúas empresas diferentes un seguimento da situación realizándose desde entón máis de 50 mostras da auga en distintos puntos para a súa análise. Nos resultados destas analíticas quedaron reflectidas as excelentes condiciones da auga do lago e confirmouse que o detectado na analítica do día 7 de setembro (publicada o 9) era unha situación froito de algo puntual do que, a día de hoxe, descoñécese o orixe pero que todo apunta a un residuo relacionado con algunha actividade agrícola.
Aínda que as analíticas realizadas polo Concello durante estes días eran todas favorables, mantívose a prohibición de baño xa que a única oficial é a que realiza a Xunta. A seguinte análise ao do día 7 foi o 13 deste mes. Tras as perceptivas 48 horas de cultivo no laboratorio onte, día 15, a Xunta emitiu un novo informe no que sinala a finalización do episodio de contaminación microbiolóxica e que por tanto a zona é APTA PARA O BAÑO.
A primeira tenente de alcalde explicou que, como se mantivo o día que se detectou a situación, tratábase de algo puntual xa que no histórico de resultados da analíticas da auga do lago e en concreto da zona de baño sempre se deron niveis excelentes en canto a calidade da auga. De feito, o pasado día 24 de agosto a Xunta facía público o análise da auga cualificándoa como excelente. A seguinte toma, a do día 7 que foi feita pública o día 9 despois dos traballos de laboratorio, foi na que se detectou que os índices estaban un pouco por encima do normal e que, por tanto, non era apta para o baño, unha situación similar á que se dá, en ocasións, en moitas praias do litoral galego. Dende ese momento, tendo en conta a importancia que ten que desde o Concello póidase garantir a calidade da auga actívanse todos os mecanismos de control encargando análise a dúas empresas externas para ter a máxima información posible sobre a situación.
O mesmo día no que se coñecen os resultados da Xunta, o día 9, encárganse esas analíticas e os resultados chegan ao Concello dous días despois, o día 11, e neles xa se nos informa de que os parámetros da auga son normais e que polo tanto a zona xa era apta para o baño. Con todo, houbo que esperar á analítica oficial da Xunta para levantar esa prohibición.
O Concello destaca a rápida resposta para garantir a calidade da auga e seguir ofrecendo un espazo único, coa seguridade plena de contar, ademais, cunha auga de excelente calidade.
Neste sentido, todo apunta a un posible residuo relacionado coa actividade agrícola que puido producirse nalgún dos dous ríos que chegan ao lago.