As Pontes, 15 de marzo 2019. A xunta de goberno local do Concello de As Pontes, celebrada esta semana, acordou adxudicar traballos por valor de 380,215 euros, que se acometerán en vindeiras datas.

A empresa TYC Canosa será a empresa responsable da subministración e instalación de catro módulos prefabricados no lago, dous dedicados a baños e duchas e dous a kiosko-bar, de 14,75 metros cadrados cada un, cun orzamento de 122.003,28€ euros, con cargo ao Plan de Servizos e Obras da Deputación.

A través da instalación destes módulos ofrecerase un maior servizo á veciñanza, acorde coas súas necesidades, substituíndo os baños químicos por unha instalación permanente, sostible, resistente, durable e acorde coa contorna do lago.

Nun dos módulos se instalará un servizo de biblioteca no que os usuarios do lago poderán ter acceso á lectura de libros, prensa e revistas e está previsto que o Concello saque a concurso público a concesión da explotación do servizo de quiosco-bar.

Tamén se aprobou a adxudicación, cun orzamento de 99.113,28€ euros, da subministración e instalación dun módulo prefabricado en Pontoibo, de 130 metros cadrados, para instalacións complementarias de actividades socioculturais, á mesma empresa.

O módulo instalarase nos terreos adquiridos polo Concello de As Pontes para o esparexemento dos veciños e para outros usos públicos que propoña a asociación veciñal para dar así resposta a unha vella demanda da veciñanza. O módulo, de madeira e acorde coa estética da zona, albergará aseos públicos, un almacén para dar servizo a calquera actividade que se realice e un espazo cuberto, multiusos.

Asemade adxudicáronse as obras de reparación e mellora de firme en O Pazo, Os Cadavás, Paipaz, Pereira, Porvelo e A Bouza nas parroquias da Faeira, San Pedro de Eume e O Aparral, cun investimento de 159.099,99€ euros con cargo ao POS +2018. Plan Adicional á empresa Canarga S.L.

Esta actuación permitirá a rehabilitación de todos os viarios co obxectivo de dotalos dunha óptima calidade, tanto superficial como estrutural, aumentar a súa comodidade e seguridade para o que se levarán a cabo tarefas de varrido da superficie, limpeza das marxes, fresado dos entroncamento con outras vías, bacheado e extensión de novas capas de rodaxe, entre outros traballos.