As Pontes, 14 de xaneiro de 2018. O Concello de As Pontes adxudicou, a semana pasada, as obras de acondicionamento e mellora da accesibilidade de beirarrúas nas rúas Saúde e Ourense, cun orzamento de 90.508 euros, con cargo ó Plan de Obras e Servizos 2018 da Deputación da Coruña, á empresa Canosa.

As actuacións previstas levaranse a cabo no tramo sur da Rúa Ourense, que comunica a Avenida de Ortigueira coa Rúa Saúde, e no tramo desta mesma rúa, comprendido entre a Rúa Ourense e a Rúa Reitoral.

Os traballos teñen como obxectivos prioritarios incrementar a funcionalidade, a accesibilidade e a mobilidade en ambas rúas para lograr que o peón teña maior presenza e seguridade en ambos viarios.

Este proxecto permitirá o acondicionamento das actuais beirarrúas, con melloras na pavimentación e na accesibilidade, mediante a supresión das barreiras arquitectónicas e así, con tal finalidade, ampliarase o ancho das beirarrúas, crearanse vaos peonís adaptados, tanto para as persoas con mobilidade reducida como para os invidentes, e procederase á construción dun paso de peóns na Rúa Ourense para facilitar a mobilidade e o uso da vía pública por parte dos viandantes.

Por outra banda, o proxecto contempla a mellora da iluminación en ambas rúas e a renovación do mobiliario urbano, coa instalación de diversas xardineiras que contribuirán a humanizar a zona.

Desde o Concello de As Pontes apuntan que con esta obra “ aumentará a calidade de vida de toda a veciñanza, dos residentes en ambas rúas e de todos os doentes que acoden ao centro de saúde do municipio, garantido e facilitando o acceso ó edificio sanitario”.