RTVEume .- O Concello de As Pontes por medio do seu Servizo de Normalización Lingüística ven de recibir unha subvención da Consellería de Cultura para a posta en marcha dunha nova campaña de dinamización lingüística.

A achega económica destinarase a tres accións que teñen como fin difundir o material cultural infantil en galego que temos ao noso dispor, e que tanto se pode destinar ao terreo educativo como tamén ao lecer. As accións serán:
1.- A primeira das actividades desenvolverase esta mesma tarde. Trátase do Interclubtural, o club de lectura pensado para atraer a toda esa xente de fóra que vive nas Pontes e que está interasada en intercambiar experiencias coa xente de aquí. O obxectivo é facilitar o debate sobre a interculturalidade e, nese senso todas as lecturas irán orientadas ao intercambio cultural. A primeira reunión do Interclubtural está fixada para o este mércores ás oito do serán na Biblioteca Municipal.
2.- Ademais mañá desenvolverase unha sesión de contacontos “A casa encantada de Alí”, unha proposta artellada para nenas e nenos de 0 a 6 anos que poderán acudir acompañados por un máximo de 2 adultos e que mestura o teatro coa música. Ruth Caramés e o músico Luis Prego darán forma a este espectáculo que chegará a un máximo de 20 pequenos e pequenas e no que os asistentes coñecerán xogos, xoguetes, libros e discos que teñen á súa disposición. Para asistir ao contacontos A Casa Encantada de Alí, os interesados deben anotarse na Escola Infantil Municipal Barosa.
A sesión de contacontos desenvolverase mañá xoves ás cinco e media da tarde na sala de exposicións do Mercado Vello.
3.- A última das accións enmarcada na campaña de dinamización lingüística do Concello de As Pontes consistirá na formación do profesorado de educación infantil e de todas aquelas persoas que estean cursando estes estudos na actualidade. Mediante unha metodoloxía práctica daranse a coñecer distintas actividades a realizar coa rapazada e empregando material en galego, libros, xogos en liña, actividades de baile, movemento, música, entre outros. Esta xornada formativa, con 8 horas lectivas, celebrarase a primeiros do mes de Novembro.