RTVEume | Poucas semanas quedan xa para que arrinquen as agardadas vacacións de verán para os escolares de todo o país e, nas Pontes, temos unha opción de éxito seguro para que os máis pequenos da casa desfruten do seu tempo libre nun ambiente natural incomparable e, por riba, con actividades do máis entretidas e educativas. Trátase das Acampadas Intermunicipais na Natureza que, cada verán, se desenvolven en Vilarbó.

Por 27ª vez, o entorno do Eume e as fragas que o escoltan volverán ser o escenario perfecto para acoller aos pequenos campistas durante o mes de xullo, da man deste programa de acampadas que arrincará o vindeiro 6 de xullo co campamento Multiaventura, dirixido a rapaces e rapazas de entre 12 e 17 anos de idade.

Durante a súa estadía en Vilarbó, estes campistas poderán desfrutar de actividades acuáticas e canoa,  xogos tradicionais e alternativos, roteiros pola contorna do Eume, obradoiros de inglés ou medio ambiente, talleres de artesanía e manualidades, saídas en bicicleta de montaña ou de sendeirismo e ata de noites de troula.

O prezo por participar é de 192 euros para nenos de As Pontes ou doutros concellos colaboradores como Pontedeume, Arteixo, Viana ou o Barco de Valdeorras e de 215 euros para o resto de anotados, sendo necesario inscribirse ata o vindeiro 29 de xuño como data límite.

Xa do 20 ao 27 de xullo desenvolveranse os campamentos Robinson para pequenos e pequenas de entre 6 e 11 anos de idade que tamén desenvolverán, durante os seus días en Vilarbó, un programa de actividades semellante ao que terá lugar no campamento Multiaventura.

Neste caso o prezo por participante será de 140 euros para nenos de concellos colaboradores e de 160 euros para o resto de anotados, tendo tamén de prazo ata o vindeiro 29 de xuño para formalizar a matrícula.

Ésta pódese tramitar xa nas oficinas do polideportivo municipal da Fraga, ou ben mediante calquera das entidades colaboradoras. De feito, o Concello de As Pontes volve contar coa colaboración da Asociación de Tempo Libre Néboa, para desenvolver estas actividades e a eles tamén se sumaron, ademáis dos concellos de Arteixo, Viana, Pontedeume e Valdeorras; Endesa e o Clube Galicia de Caranza.