As Pontes, 5 de xullo de 2018. O goberno local abriu, hoxe, o prazo para solicitar as achegas dirixidas ás asociacións de veciños do municipio, para o ano 2018, coas que quere darlles apoio e contribuír a fomentar a participación cidadá e ás que destinará 33.000 euros.

Estas subvencións, destinadas a entidades veciñais, sen ánimo de lucro, inscritas no rexistro de Asociacións do Concello de As Pontes e que desenvolvan a súa actividade no municipio ou aborden asuntos de interese para a localidade, teñen como obxectivo cubrir os gastos derivados de accións que impulsen o desenvolvemento económico e o fomento de emprego, a execución de obras de equipamento, tales como acondicionamentos das sedes sociais das entidades, no seu ámbito territorial así como actividades que fomente a cultura tradicional popular executadas entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2018.

Para acceder a estas achegas é necesario presentar a solicitude a través da sede electrónica do Concello https://sede.aspontes.com/es/index.html, cumprimentada polo representante da entidade cultural, mediante certificado electrónico, xunto coa documentación esixida na convocatoria. O prazo para presentar as solicitudes comeza o 5 de xullo e remata o martes, 17 de xullo.

Pódese obter máis información sobre estas achegas no BOP 122, con data 28 de xuño de 2018,  na páxina web www.dicoruna.es ou na páxina do Concello de As Pontes https://vive.aspontes.org/