– Entre os proxectos adxudicados atópase a II fase da Avenida de Galicia.

– A mellora da Rúa Narón figura entre os expedientes de licitación.

As Pontes, 22 de novembro de 2018. O Concello de As Pontes aprobou esta semana, en xunta de goberno local, diversos expedientes de contratación de obras e actuacións, tanto de adxudicación como de licitación, que suman una inversión conxunta de 783.00 euros, con cargo ó Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña.

Entre os proxectos adxudicados figura a II fase das obras de mellora de pavimentos e servizos na Avenida de Galicia, desde o remate da primeira fase ata a intersección coas rúas Santiago Apóstolo e Vilar Pontes, cun orzamento de 145.360 euros e que executará a empresa Siber Ordes.

Esta actuación permitirá darlle continuidade ó proxecto de rehabilitación, humanización e mellora da accesiblidade levado a cabo polo goberno municipal nunha das principais vías de circulación do pobo.

As obras están encamiñadas a eliminar o desnivel entre a estrada e as beirarrúas, substituír a capa de rodadura existente por aglomerado impreso así como a mellorar a rede de saneamento e alumeado e a renovar o mobiliario urbano.

Canarga Construcciones será a encargada de levar a cabo os traballos de mellora da capa de rodadura dos viarios de acceso ós núcleos rurais de A Redonda, na Faeira, e Murazoso, na parroquia de Bermui.

As obras, que foron adxudicadas por 45.214 euros, teñen como obxectivo a substitución do pavimento actual por aglomerado e a renovación da sinalización dos viarios para garantir a seguridade en ambas zonas.

Expedientes de licitación

Respecto ós expedientes de licitación, a xunta de goberno local aprobou o proxecto de mellora do pavimento e servizos da Rúa Narón, cun orzamento de 170.000 euros, destinado a incrementar os niveis de funcionalidade, seguridade viaria, accesiblidade e calidade da rúa.

As actuacións previstas contemplan a substitución do pavimento das beirarrúas, a rehabilitación do firme da calzada, a mellora das redes dos servizos de alumeado e de saneamento así como a colocación de mobiliario urbano e a plantación de arborado.

A tenente de alcalde, Montserrat García, sinala que: “Trátase dun proxecto  que é froito dos acordos ós que se chegou cos veciños, en diferentes reunións, e ten como obxectivo prioritario promover a seguridade, a accesibilidade e a mobilidade na rúa evitando a perda de prazas de aparcadoiro.

Con tal motivo, procederase a modificar a circulación do viario, que pasará a ser de sentido único, ampliarase o ancho do paso nas beirarrúas e crearase unha banda de aparcadoiro en batería deixando unha praza reservada para as persoas con mobilidade reducida.

Asemade, o goberno local tamén iniciou o proceso de licitación de diversos proxectos, destinados a mellorar a calidade de vida dos veciños das parroquias pontesas, entre os que figura a mellora de servizos e seguridade viaria na marxe esquerda da AC-564 na parroquia de Goente, cun orzamento base de licitación de 272.670,92 euros.

Esta actuación permitirá levar a cabo a reposición dos servizos de saneamento e abastecemento e dos pavimentos da beirarrúa e beiravía, mellorando a accesiblidade e seguridade na zona, tanto para os peóns coma para os vehículos.

Entre os expedientes aprobados que afectan ás parroquias tamén se atopa o proxecto de reparación e mellora do firme en Pedrafita e Somede, cun orzamento de licitación de 50.462 euros, encamiñado á rehabilitación da superficie dos viarios e as obras que a acompañan (varrido da superficie, limpeza das marxes, perfilado das cunetas…) para dotalos dunha óptima calidade, tanto superficial como estrutural, coa finalidade de aumentar a comodidade e seguridade que precisan este tipo de viarios municipais.

Por outra banda, a xunta de goberno local tamén aprobou a licitación das obras de mellora da pavimentación en distintos viarios municipais nas parroquias de San Xoán do Freixo e Santa María das Pontes, nos lugares de A Casa da Bouza, Pazos, A Rega, O Torrillón, Garabatos e Gondré, cun orzamento de 99.326,50 euros.

Os traballos están encamiñados a axeitar os viarios para o acceso en boas condicións ós núcleos rurais de poboación mediante a substitución do pavimento, a renovación da sinalización e tarefas de limpeza das marxes e cunetas.