As Pontes, 7 de marzo| A asociación de discapacitados activos de As Pontes, A Xanela, con motivo da celebración do Día Internacional da Muller Traballadora, reclama políticas axeitadas que poñan fin á dobre discriminación á que se enfrontan as mulleres con diversidade funcional para acadar, deste xeito, a verdadeira igualdade de xénero.

As dificultades das mulleres con diversidade funcional para acceder ó mercado laboral son máis graves que para outras mulleres e é un tema que afecta a preto de 36.000 mulleres en Galicia, cun grado de discapacidade igual ou maior ó 33% recoñecido administrativamente, e case a 500 no municipio de As Pontes, segundo datos do IGE.

Son múltiples os estudos, levados a cabo en todo o territorio nacional, que amosan cifras desesperanzadoras. Galicia rexistra a menor taxa de actividade de persoas con discapacidade; case o 80% das persoas con diversidade funcional non teñen emprego e o 75% son mulleres. Por outra banda, a calidade do seu emprego é menor e o seu salario é un 8% menor có das mulleres sen diversidade funcional, nun contexto onde a fenda salarial entre homes e mulleres xa se sitúa nun 30% segundo un informe elaborado pola Axencia Tributaria.

Todas estas circunstancias fan que as mulleres con diversidade funcional sexan moi vulnerables e teñan maiores riscos de exclusión social, con efectos moi negativos sobre a súa calidade de vida. En palabras do presidente da Xanela, Juan G. García: “Estamos ante as mesmas desigualdades no ámbito da capacidade pero os seus efectos sobre as mulleres son moito máis negativos. As mulleres con diversidade funcional teñen menos posibilidades de acceder a unha formación axeitada, as opcións para acceder ó mercado laboral son escasas polo que percibir ingresos e mellorar a súa situación antóllase case imposible”.

Ante esta situación, desde A Xanela faise un chamamento para concienciar a toda a sociedade sobre a necesidade de eliminar, a través da educación, os roles e os estereotipos de xénero e tamén os prexuízos que aínda existen sobre a diversidade funcional. Insisten que é preciso que a sociedade avance na eliminación dos límites e as barreiras coas que se enfrontan ás persoas con diversidade funcional, especialmente as mulleres para, deste xeito, lograr a súa plena integración e así avanzar cara unha sociedade xusta e igualitaria.

A Xanela

Asociación de discapacitados activos, membro de Cogami, nace no ano 2000 para coordinar e promover a defensa dos intereses das persoas con diversidade funcional, co fin de conseguir a máxima atención social á problemática que representan, e a súa integración na sociedade.

Situada no municipio de As Pontes, conta con 177 socios e 20 usuarios. Diríxese a persoas con discapacidade física, psíquica e sensorial do concello e poboacións limítrofes así como aos seus familiares e contorna social.

A súa misión é mellorar a calidade de vida e fomentar a integración social das persoas con diversidade funcional e as súas familias, a través de actividades terapéuticas, de lecer e tempo libre.