A primeira fase da rehabilitación da Avenida de Galicia chega a súa última etapa

357

O luns, 28 de maio, procederase ó corte do tráfico

As Pontes, 25 de maio de 2018. As obras de rehabilitación da Avenida de Galicia comezan, á vindeira semana, a súa última etapa. A partir do luns, 28 de maio, procederase ó corte do tráfico rodado nesta rúa para realizar os traballos de cruces de canalizacións e continuar, segundo ás condicións climatolóxicas, coas tarefas de extensión do aglomerado impreso.

No caso de que as condicións do clima o permitan, procederase ó corte do  tráfico para levar a cabo, de forma ininterrompida, os traballos de extensión do aglomerado impreso e instalación dos captafaros led nos pasos peonís. Se as condición meteorolóxicas son adversas, estas tarefas realizaranse cando co clima o permita, abrindo a rúa ó tráfico ata que se poidan realizar os traballos previstos.

Unha vez rematadas estas actuacións, procederase á instalación do mobiliario urbano e a substitución das luminarias, dando por rematada a primeira fase de rehabilitación da Avenida de Galicia.

Por outra banda, esta fin de semana as dúas beirarrúas da Avenida de Galicia serán transitables e sumaranse ás obras xa rematadas e que permitiron a separación da rede de drenaxe e saneamento e reposición do cabreado do alumeado público nesta rúa.

O investimento total para esta actuación é de 239.758,28euros, con cargo ó Plan de Obras e Servizos de competencia municipal e Plan Único dos Concellos do 2.017 da Deputación da Coruña. As obras están destinadas á eliminación do desnivel entre a estrada e as beirarrúas peonís, mellora da capa de rodadura e aparcadoiro, ampliación das beirarrúas, á mellora da iluminación e á separación da rede de drenaxe da rede de saneamento.

Trátase dun proxecto que permite continuar coa política do Concello de As Pontes para garantir a calidade de vida dos seus veciños, apostando pola humanización e a mellora da accesibilidade dos espazos urbanos, mantendo a liña funcional e estética deseñada para o centro pontés.