As Pontes, 17 de xullo de 2018. As Pontes abrirá, o venres, 20 de xullo, ás 20:30 horas, no Parque Municipal, as súas festas patronais coa lectura do pregón.

Este ano correrá a cargo de músicos, colectivos musicais e impulsores que co seu traballo contribuíron ó recoñecemento e á difusión da música e que fixeron posible que, na actualidade, ocupe un lugar destacado na historia cultural da vila.

Deste xeito, o Concello, quere recoñecer a súa labor, a importancia da música na vila e facer unha sentida homenaxe ás formacións musicais pioneiras que sentaron a bases para o nacemento de novas agrupacións e novos intérpretes, que converten a As Pontes en berce de grandes músicos.

Estefanía Beceiro, neta de músico, antiga alumna do Conservatorio Municipal de As Pontes e, actualmente, membro da Orquesta Sinfónica de Bilbao, será a encargada de representar a todos aqueles músicos que formaron parte de agrupacións históricas, das décadas do 40 ó 60, como a Orquesta Mallorca, a Orquesta River ou a Orquesta Hispania e aquelas persoas que, co seu traballo e dedicación, plantaron a semente da música en As Pontes.

Este acto tamén contará cunha representacións de tres agrupacións musicais consolidadas do pobo, todas elas en activo, como son a Coral Endesa As Pontes, a Rondalla Vila de As Pontes e a Banda de Música de As Pontes.

O acto rematará coa actuación do grupo local Arrivederci, acompañado polo grupo de corda frotada do Conservatorio de Música Profesional de As Pontes,en representación das novas xeracións de músicos ponteses.

 

Espectáculo nocturno multimedia

Tras a lectura do pregón, ás 23:00 horas, veciños e visitantes, poderán contemplar, sobre a fachada do edificio consistorial, o espectáculo multimedia nocturno “Contigo avó”.

A través da mestura de son, luces, música e pirotecnia, invitará á veciñanza a realizar unha viaxe polo pasado, polos seus recordos e por aquelas primeiras festas ás que asistían collidos das mans dos seus avós.

Imaxe cedida por la Asociación Veciñal As Painceiras (Ribadeume e Bermui) para o proxecto Daquela As Pontes,  impulsado pola Concellería de Área de Atención, Participación Cidadá e Desenvolvemento Local do Concello de As Pontes para a recuperación e posta en valor da memoria histórica a través da fotografía.