O organismo provincial, que preside D. Valentín González Formoso, presentou o xoves da semana pasada o Plan de Obras e Servizos e o Plan de Acción Social para o vindeiro ano 2016.

O Concello de As Pontes vai contar con 1,2 millóns de euros, unha doble aportación da Deputación da Coruña para realizar inversións en servizos básicos coma abastecementos, saneamentos e pavimentacións.

A achega vai ser a máis ampla da historia no noso municipio dende a Administración provincial. As partidas outorgadas ós gobernos locais obedecen ó POS do vindeiro ano e a un novo concepto, que é un Plan de acción social. Esta última partida deberá ser empregada en investimentos destinados a promoción e fomento do emprego.

Dos 11 millóns de euros que se destinan a esta comarca, As Pontes contará cos mentados un millón douscentos mil euros para os dous plans.

A grande novidade no Plan de Obras e Servizos ven da ampliación ata o 50% do importe asignado permitido en gasto corrente, no canto do 40% que se viña reservando. O outro 50% destinarase obrigatoriamente á realización de obras ou subministracións precisas para a efectiva prestación dos servizos.

Canto á nova partida do Plan de Acción Social, nace coa fin de colaborar cos concellos no financiamento de investimentos financieiramente sostibles e que teñan, na súa maior parte, un carácter social relevante.

No que atinxe directamente ó noso municipio cabe tamén salientar a partida de 39.392 euros que recibirá a asociación Euroeume para a creación e promoción da marca “Produtos do Eume”