As Pontes, 21 de marzo de 2019. A Casa Dopeso acollerá, desde o 22 de marzo ata o 8 de abril, a 27ª edición da mostra “Galicia en foco” para continuar despois o seu percorrido por distintos lugares de Galicia.

Esta mostra, que nace en Ferrol no ano 1989, ten como obxectivo esencial reinvidicar o traballo dos fotógrafos de prensa de Galicia e, ao mesmo tempo, serve de compilación e crónica anual do acontecer e sentir do pobo galego, recollido nas súas diversas facetas nos medios de comunicación.

Galicia en Foco tamén busca espertar o interese do público pola obra dos realizadores gráficos que tratan temas galegos para que se coñezan os seus nomes, as súa profesionalización e a súa identificación coa Galicia contemporánea que eles mesmos documentan.

Entre as instantáneas que conforman esta exposición atópase a fotografía “Bagoas dos que non apagan lumes” de Javier Cerveda, na que se amosa a desolación dunha anciá ante a perda que causou o incendio da súa casa (15 de outubro de 2017- As Neves –Pontevedra) coa que obtivo o Premio de Fotoxornalismo Galicia en Foco na súa XXVII edición.