As Pontes, 30 de setembro de 2019. A Casa Dopeso acollerá, desde o 2 ata o 14 de outubro, a exposición de arte gráfica Jesús Nuñez, a mostra itinerante que recopila unha escolma de 30 obras seleccionadas polo xurado do XIII Premio Internacional de Arte Gráfica Jesús Núñez, certame organizado pola Deputación Provincial da Coruña e a Fundación CIEC.

Entre as obras expostas, e que recorrerán 10 concellos da provincia da Coruña, destacan o Primeiro Premio acadado polo artista polaco Wieslaw Haladaj coa xilografía “Appearance 22” e os accésit “The extended night” de Mehdi Darvishi e “Forma y vacío” de Rubén Morales Lara,  seleccionados  entre as máis de 140 obras presentadas á edición do ano 2018.

Os visitantes terán oportunidade de ver os traballos realizados con distintas técnicas gráficas, gravado calcográfico, litografía, serigrafía, xilografía e as súas derivacións, asinados por autores procedentes de diversos países, entre eles, Irán, México, Polonia ou Alemaña.