As Pontes, 17 de xullo| Durante as festas do Carme, a biblioteca municipal de As Pontes sairá á rúa, un ano máis, con Parque Activo. Unha proposta de ocio alternativo, do departamento de Cultura,  para as nenas e os nenos que se queiran achegar, desde o 19 ó 23 de xullo, en horario de mañá, de 11:30 horas a 14:00 horas ou de tarde, de 18:00 a 20:30 horas, ata os xardíns do Parque Municipal.

Entre todas as actividades programadas, os rapaces poderán gozar, o xoves, 19 de xullo, ás 19:00 horas, dunha exhibición de baile galego a cargo das nenas e nenas da Asociación Cultural Alende.

O venres, á mesma hora poderán participar no contacontos Elefante Elegante con Lobo Bobo e xa a fin de semana, o sábado e o domingo, ás 19:00 horas, están previstos os espectáculos musicais Contos musicais para un mundo mellor e Radio Bule Bule.

O luns, será a quenda para a actuación da Banda de Música de As Pontes, que achegará ós máis pequenos á música de sempre; será a partir das 13:00 horas nos xardíns do Campo da Feira.  Pola tarde, ás 16:30 horas, haberá unha festa infantil con inchables, xogos e unha festa da escuma para o goce dos máis pequenos da localidade.

Todos os días, ás 20:15 horas haberá un sorteo de agasallos sorpresa entre todos os rapaces que participen no Parque Activo.