As Pontes, 26 de abril de 2018. As actividades deportivas ofrecidas polo Concello de As Pontes, a través das escolas deportivas municipais, contan, durante este curso, con máis de 600 matriculados; 345 nas escolas para nenos e algo máis de 250 alumnos nas actividades dirixidas ós adultos.

Esta tempada, a Concellería de Deporte e Xuventude puxo a disposición dos veciños 14 disciplinas deportivas a través das que, en palabras de Jesús Tembrás, responsable da área “preténdese fomentar a práctica de deportiva e a actividade física, favorecendo hábitos de vida saudables entre os ponteses de todas as idades”.

Fútbol, baloncesto, kayak polo, piragüismo, kickboxing, patinaxe, atletismo, psicomotricidade, taekwondo, tenis, tiro con arco, xadrez, ximnasia rítmica e vela compoñen a oferta deportiva deseñada para os máis pequenos do municipio, quedando reservadas para os adultos as escolas de aeróbic, pilates, mantemento e ximnasia para a terceira idade.

As disciplinas que contan con maior número de alumnos son as de ximnasia rítmica, modalidade deportiva na que participan 105 rapaces; aeróbic e pilates no caso das escolas municipais para adultos, con preto de 180 veciños matriculados. Patinaxe, tenis ou atletismo, con máis de 140 alumnos, fanse un oco entre as actividades favoritas dos ponteses e, ano tras ano, conseguen gañar novos matriculados.

Preto de 20 monitores cualificados compoñen o equipo que se encarga de inculcar os valores do deporte entre un alumnado con idades que van desde o tres anos en diante superando, nalgúns casos, as oito décadas. As actividades lévanse a cabo nas distintas instalacións deportivas municipais coas que conta o Concello e o seu custo no caso das actividades infantís é de 40 euros por curso (de outubro a xuño) e 12 euros ó mes por disciplina nas escolas deportivas municipais para adultos.

O responsable de deportes, Jesús Tembrás, remarca que esta é só unha pequena parte do traballo que desde o Concello de As Pontes se fai en prol do deporte e da promoción da vida saudable. “Grazas á colaboración que mantemos cos clubes deportivos da localidade ofrecemos os nosos veciños acceso a 45 modalidades deportivas o que nos permite referendar o noso compromiso co lecer saudable e a promoción dos valores asociados ó deporte; rescepto, traballo en equipo, esforzo ou a socialización, valores que promoven comportamentos e actitudes positivas necesarios en todos os ámbitos da vida”.