As Pontes, 8 de outubro de 2018.  Cincocentos dez  ponteses, con idades comprendidas entre os tres e os oitenta anos, participan nas actividades que a Concellería de Deporte e Xuventude ofrece a través das escolas deportivas municipais.

O Concello de As Pontes, durante o curso 2018-2019, pon a disposición dos veciños 17 disciplinas deportivas, distribuídas entre as escolas para menores e as escolas para adultos,  co obxectivo de impulsar a práctica deportiva, a actividade física e a vida saudable entre todos os ponteses, sen importar a súa idade.

A oferta deseñada para os máis pequenos abrangue as disciplinas de  fútbol, baloncesto, kayak polo, piragüismo, kickboxing, patinaxe, atletismo, psicomotricidade, taekwondo, tenis, tiro con arco, xadrez, ximnasia rítmica e vela, modalidades ás que este ano, por primeira vez, hai que sumar a escola de hóckey a patíns. A oferta reservada para os adultos inclúe as escolas de aeróbic, pilates, mantemento e ximnasia para a terceira idade.

O número de menores que participan nas escolas deportivas ascende a 250, sendo as clases de patinaxe e ximnasia rítmica as que gozan de maior popularidade, con 60 e 40 alumnos matriculados, respectivamente. No caso das escolas municipais para adultos, con 260 matriculados, a disciplina que conta con maior número de alumnos é a escola de aeróbic, con 133 inscritos.

Atletismo con 40 alumnos, tenis con 25 matriculados e pilates co máis de 90 participantes, fanse un oco entre as actividades favoritas dos ponteses; modalidades que, ano tras ano, conseguen gañar novos matriculados.

As actividades, dirixidas por 18 monitores cualificados, lévanse a cabo nas distintas instalacións deportivas municipais coas que conta o Concello e o seu custo, no caso das actividades infantís, é de 40 euros por curso (de outubro a xuño) ou 12 euros ó mes por disciplina nas escolas deportivas municipais para adultos.

Desde o Concello de As Pontes, o responsable da área, Jesús Tembrás, fai fincapé en que: ”as escolas deportivas municipais son só unha pequena mostra do traballo que, desde o goberno local, se fai a favor da actividade física, da promoción da vida saudable e da socialización a través do deporte. Hai que sumar, ademais,  a colaboración cos clubs locais, con outras entidades deportivas e coas federacións co propósito de promover, principalmente entre os nosos mozos, todos os valores asociados ó deporte, esencias para desenvolvemento persoal”.