As Pontes, 22 agosto de 2018.  As Pontes acolle, desde o dia 20 e ata o 24 de agosto, a un total de 50 nenos e nenas, con idades comprendidas entre os 6 e 13 anos, chegados desde diversas provincias españolas, no II Stage de Tecnificación de hóckey sobre patíns.

Esta mañá, o alcalde do Concello de As Pontes, Valentín González Formoso, e o concelleiro de Deportes e Xuventude, Jesús Tembrás, recibiron, no salón de plenos municipal, ós participantes neste encontro e ós 14 adestradores que, durante cinco días, axudarán ós menores a perfeccionar as súas habilidades deportivas, desenvolver e mellorar os fundamentos técnicos da disciplina ó mesmo tempo que os achegan ós valores sociais relacionados coa práctica deportiva como o compañeirismo, o civismo, a solidariedade, a disciplina, ou a capacidade de convivencia.

Durante este acto, González Formoso animou ás rapazas e rapaces a gozar, aprender, mellorar e traballar mentres practican o seu deporte favorito da man de xogadores e adestradores profesionais. O alcalde tamén agradeceu ós membros da organización ter escollido As Pontes como sede deste encontro así como o seu traballo, esforzo e implicación a prol do deporte de base.